lunes, 5 de noviembre de 2012

Día da Ciencia en galego. O pai da calculadora era galego


   Mañá, día 6 de novembro, celebraremos o Día da Ciencia en Galego, un acontecemento que cumpre xa este ano a súa terceira edición. Foi creado coa intención de fomentar e destacar o papel de Galicia no ámbito científico. Neste día ou en datas próximas a el, realízanse numerosas actividades nos centros de ensino, sobre todo en centros de Secundaria ou en Universidades. A temática principal deste ano é a Tecnoloxía, e os protagonistas ós que vai dedicado son o gran inventor renacentista Leonardo da Vinci e ó galego Ramón Verea. Seguramente moitos de nós descoñecemos quen é Ramón Verea, e, se tan importante é coma para que lle dediquen unha mención especial, que foi o que fixo na súa carreira científica.
   Ramón Verea é un dos grandes pais da calculadora moderna. Non é considerado o seu inventor posto que non foi o único que investigou neste ámbito, pero si que os seus estudos foron imprescindibles para o desenrolo desta máquina que hoxe consideramos común, pero que no seu momento deu moitos quebradeiros de cabeza. Ramón Verea naceu nunha pequena aldea do concello de A Estrada en 1833. En 1855, debido a súa inquietude aventureira decidiu emigrar a terras americanas: primeiro a Cuba e posteriormente a Nova York, onde deu o paso máis importante da súa carreira cara o ámbito científico, tendo un pasado polifacético que comprende dende os seus estudos nun seminario de Santiago de Compostela ata o seu posto de comercial de maquinaria (onde aprendeu  grandes coñecementos sobre a tecnoloxía do momento), pasando pola súa labor de mestre ou de escritor e periodista. En Nova York foi onde experimentou ata inventar a primeira calculadora capaz de resolver sumas, restas, multiplicacións e divisións entre números de nove cifras de forma directa, sen usar o mecanismo das voltas de manivelas e nun tempo de 20 segundos, algo asombroso para a época. A máquina tiña unhas dimensións considerables e un peso de 22 kg. Rexistrou o seu invento na Oficina de Patentes dos Estados Unidos en setembro de 1878.

   O curioso da historia de este investigador é que inventou a calculadora sen intención de comercializala, nin de gañar diñeiro, nin de adquirir fama e nin de entrar no listado dos grandes inventores da historia. Unicamente o fixo para demostrar que os españois tamén podían inventar algo destacable. O único que quedou deste científico galego foi a patente 207.918, empregada polo que foi o primeiro inventor da calculadora comercial, o suízo Otto Steiger. Nin tan sequera  sabemos moi ben onde se atopan os seus restos mortais, posto que foi enterrado nun cemiterio de Bos Aires nunha tumba sen nome. Ramón Verea foi un gran investigador que, a diferenza da maioría, optou por non seguir o camiño da fama e os cartos, senón o da humildade e a pobreza. Inxusta pero inevitablemente caeu no esquecemento, así que penso que merece ser recoñecido este Día da Ciencia en Galego e que todo o mundo coñeza a súa historia.

Se queres ver a patente 207.918, a calculadora de Ramón Verea, clica aquí 

FONTES DE INFORMACIÓN

http://www.alpoma.net/tecob/?p=934
http://es.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Verea
http://luarnafraga.blogspot.com.es/2012/10/dia-da-ciencia-en-galego.html

Iago Rodríguez Peña 1º BACH A