O
consumo a longo prazo de demasiada comida rica en graxa e en enerxía conduce a ter
sobrepeso. Dito así, parece todo moi
claro, pero o proceso de acumulación de quilos de máis pasa por unha complexa
regulación do metabolismo dos lípidos.
Historicamente, a especie humana tivo que afrontar diversas presións
evolutivas, e a escaseza de comida foi unha das máis importantes. Esta última
moldeou o noso metabolismo para poder explotar de forma óptima a enerxía
presente nos alimentos.
Agora
descubriuse que o xene SIRT7 desempeña
un papel clave no metabolismo enerxético. Uns ratos modificados xeneticamente
para que non posuísen o devandito xene mantivéronse nun peso normal a pesar dun
alto consumo de alimentos ricos en graxa.
Os autores do
achado, científicos do Instituto Max Planck Para a
Investigación Cardiaca e Pulmonar en Alemaña,
e as universidades xaponesas de Sendai e Kumamoto,
realizaron as súas probas con eses ratos que non
tiñan o xene SIRT7 e con outros dun grupo de control que si o posuían. A uns e
outros ratos alimentóuselles con comida moi rica en graxa durante meses. Os
ratos sen o xene SIRT7 mantiveron o seu peso normal, mentres que os do grupo de
control gañaron moito máis peso.
Ademais,
constataron que, en comparación cos ratos do grupo de control, estes animais
tendían a ter niveis menores de triglicéridos e colesterol no fígado, e niveis
normais de insulina.
Todo
apunta, polo tanto, a que os animais que non tiñan o xene SIRT7 podían procesar
mellor o exceso de enerxía na comida e non acumulaban depósitos patolóxicos de
graxa.
As imaxes por microscopio mostran o tecido hepático dos animais de
control, á esquerda, e o dos ratos que non tiñan o xene SIRT7, á dereita.
Mentres que os animais do grupo de control desenvolveron unha gran cantidade de
depósitos de graxa ao ser alimentados cunha dieta rica en graxa, os ratos sen o
xene SIRT7 non desenvolveron un fígado graxo.
Fontes: http://noticiasdelaciencia.com/not/10609/descubren-un-gen-que-actua-como-interruptor-del-sobrepeso/
Alba Álvarez Pacios nº1, 1ºBACH.-A
No hay comentarios:
Publicar un comentario