viernes, 19 de noviembre de 2010

A científica María Martinón responde a Lucía

Querida Lucía,

¡Que sorpresa tan boa! Moitísimas grazas polas túas agarimosas palabras. Alégrome moito de que, aínda que non estea vivindo en Galicia, non vos esquezades de min. Exerzo de galega alá onde vou, e sempre que podo volto ó meu querido Ourense. O mellor de todo é que é verdade que os galegos estamos en todas partes... ¡somos universais! Estou encantada co voso blog e é toda unha honra aparecer nel. Paréceme unha idea fantástica e creo que a mensaxe que estades a enviar á sociedade é magnífica. A ciencia é noticia e a ciencia é actualidade porque nos proporciona continuamente novos xeitos de resolver os problemas e novos xeitos de entender a realidade. A ciencia é o "deporte" favorito das persoas con curiosidade, das que non se conforman con pasar de longo pola vida, das que queren comprobar por si mesmas como e por que as cousas son como son. A ciencia permite avanzar cara ó futuro, mais, afortunadamente, tamén a ciencia nos permite investigar o pasado. Grazas a ela, podo como antropóloga "resucitar" ós nosos ancestros, podo reconstruir o seu aspecto físico e o seu modo de vida, podo analizar canto cambiamos e en que nos parecemos ou diferenciamos doutras especies humanas que se extinguiron. A ciencia tamén é divertida en nos permite soñar. Podo con ela imaxinar como foi a vida cando eramos a única especie sobre o planeta, nun tempo en que coexistiamos cos neandertais, por exemplo. ¡Que rápido nos acostumamos a ser o único humano no mundo!, ¿non? A ciencia fai que a realidade sexa máis apaixoante que a ficción e é, ademáis, unha esperanza. A esperanza de que, aínda que o home ten feito moitas cousas mal, tamén ten demostrado que é quen de facer moitas cousas boas.

Invítovos a que veñades a ver os xacementos de Atapuerca, en Burgos. Alí fariamos unha viaxe ó pasado, achegariámonos ós nosos ancestros de ata fai un millón de anos e, grazas a eles, comprenderiamos moitas cousas sobre nós mesmos.

Noraboa polo voso traballo. Deséxovos moito éxito no blog, e que sigades aprendendo e ensinando tantas cousas boas. Un saúdo moi agarimoso a tódolos vosos compañeiros e á túa profesora de bioloxía e de ciencias, e unha aperta moi especial para ti.

María




Viría a vida do espazo? A panspermia





Recomédovos ler as seguintes noticias: a que subíu Ana Pérez ao blog "As buckybolas" e a O cometa Hartley 2 subida por Isabel Limia.

Formariase a vida nas fontes hidrotermais?