martes, 22 de enero de 2013

A cuádrupla hélice do ADN


En 1953, Francis Crick e James Watson revolucionaron a investigación xenética cun achado co que acadaron o Premio Nobel de Medicina en 1962: a estrutura de dobre hélice da molécula de ADN, a macromolécula que contén toda a información xenética transmitida de célula a célula e de xeración en xeración. Agora, sesenta anos despois, a historia do ADN segue escribíndose. Investigadores da Universidade de Cambridge afirman que o xenoma humano contén tamén estruturas de cuádruplas hélices.

Estudos anteriores, realizados só en experimentos “in vitro”, anticipaban a existencia desta cuádrupla hélice, o que era considerado coma unha curiosidade. O Instituto de Investigación de Cambridge logrou, por primeira vez, demostrar a existencia destas estruturas complexas en células humanas vivas, tras máis de 10 anos de investigación.

O estudo mostra unha relación clara entre as estruturas de catro febras e o proceso de replicación do ADN, esencial para a división celular. O equipo británico sabe que estas hélices cuádruplas están máis presentes en xenes de células que se dividen con maior rapidez, como as células canceríxenas.

Un dos membros do equipo sinala que en base a este descubrimento poderíase atrapar o ADN con moléculas sintéticas, “secuestralo” e estabilizalo, un dato moi importante sobre cómo poder deter a división celular nesta clase de células. Engade que moitos tratamentos actuais do cancro xa atacan o ADN, pero non está claro cales son as regras que seguen, nin en que parte do xenoma reaccionan. 



Este achado abre novas posibilidades para unha nova xeración de tratamentos de cancro, aínda que, dende o meu punto de vista, deixa moitas incógnitas no referente       á definición formal e funcional desta novidosa estrutura. 

FONTES DE INFORMACIÓN




Iago Rodríguez Peña 1º BACH A
Obsolescencia programada:  con data de caducidade


Lavadoras que duran de media 10 anos, impresoras que se derraman rapidamente e que non teñen quen as repare, baterías de Pods que duran 18 meses… son exemplos de que as cousas xa non duran coma antes. Por que? É o que se chama obsolescencia programada. Produtos con data de caducidade programada para que consumamos máis. Forma parte do sistema actual tanto da tecnoloxía como das nosas cabezas a idea de que o noso móbil ou o noso coche  quedan vellos ao cabo de poucos anos.
Sen embargo isto non é novo e remóntase aos anos 20 cando os principais fabricantes de bombillas decidiron crear lámpadas que se fundiran despois de 1000 horas de uso para así asegurar as súas vendas. Era unha forma de asegurar o crecemento económico nun momento de crise e daquela quizais estivese xustificado pero hoxe non pois as consecuencias son, entre outras, un altísimo nivel de contaminación. Se a poboación segue aumentando xunto coa contaminación e a explotación dos recursos naturais, daquela a terra e os seus bens naturais esgotaranse en 100 anos.  Pero iso non parece preocupar a a moitas empresas que o que queren son cantos máis beneficios mellor. Así o demostra un español, Benito Muros, quen asegura ter inventado unha bombilla que dura toda a vida e pola que, segundo el, recibiu presións e mesmo ameazas. Cal é a solución? Pois está nas nosas mans que somos os consumidores. Neste sentido apareceu un manifesto por unha vida LOP (libre de obsolescencia programada) que recolle varios principios:1/ contra o usar e tirar, reparar,2/ de verdade fai falta o que mercamos?,3/ canto máis reciclable mellor,4/ o comprador debe de informarse e 5/ viva a segunda man. Só deste xeito poderemos atenuar o impacto da obsolescencia programada e ademais os nosos petos agradeceránnolo, o que nesta época de crise é un motivo moi a ter en conta.


Brais Casas Fernández