martes, 21 de mayo de 2013

De novo, un tornado devastador


O pasado luns un tornado con gran forza de destrución azotou a parte Sur de Oklahoma City.
Foi clasificado de nivel EF4 na escala Fujita, que vai dende 0 a 5. Acadou un diámetro de 1700 m (a media é de 150 m). A velocidade do vento alcanzou os 321 km/h e creou unha espiral de máis de 3 km de altura. Fixo un percorrido de 35 km (4 veces máis do habitual). Durou 40 min. Con todos estes datos podemos facernos unha idea da magnitude da catástrofe. Aínda está por confirmar o número de vítimas.
Este tipo de fenómenos son moi comúns nesta rexión nesta época do ano, aínda que non de tanta intensidade. En maio de 1999, a mesma zona foi escenario de outro gran tornado. Oklahoma pertence á zona chamada tornado alley, “callejón” ou corredor dos tornados, que comprende boa parte das chairas interiores do Este e do Sur de Estados Unidos. É unha das zonas do mundo máis castigada por este fenómeno.
Os tornados fórmanse a partir de grandes tormentas que se producen cando unha masa de aire frío e seco atópase con unha de aire quente e húmido. Ás grandes tormentas en rotación que orixinan os tornados chámaselles superceldas . O choque de masas de aire con gran diferenza de temperatura fai que se forme unha intensa corrente húmida que ascende en espiral ata unha gran altura (mesociclón). A medida que ascende, o aire arrefríase, condénsase e forma xigantescas nubes de tormenta, os cumulonimbos. Ó chegar arriba, fórmanse correntes descendentes e laterais que ensanchan a parte superior da nube, dando o típico aspecto de “ yunque”, estreito no medio e moi ancho arriba. A parte de abaixo do mesociclón pode estreitarse máis e descender ata tocar ó solo. Así orixinase a imaxe típica do funil ou cheminea. Ó  tocar o solo, aumenta moito a súa velocidade e vai levantando todo o que atopa no seu percorrido.
                Unha das hipóteses que se manexan na influencia da formación destes fenómenos é o quecemento da atmosfera provocado pola combustión de combustibles fósiles, carbón -sobre todo-, petróleo e gas natural. Dáse a circunstancia de que o estado de Oklahoma é un territorio de petróleo e de gas; e o Partido Republicano de EEUU, que cuestiona a validez do quecemento global, ten a maior representación neste Estado.
A forza da natureza é invencible. E nós participamos indirectamente no desencadeamento de moitas catástrofes.





Vídeo explicativo sobre a formación de tornados 

Fontes de información:

Iago Rodríguez Peña 1º BACH A