sábado, 1 de diciembre de 2012

A nosa felicidade, moi similar á dalgúns simios.



A curva da felicidade é coma un sorriso. Esta estraña gráfica representa o nivel de felicidade que experimentan as persoas ó longo da súa vida. De nenos somos moi felices e ó chegar á madurez comeza a baixar esa sensación de ledicia. No ecuador da nosa vida, sobre os 40 e 50 anos, a curva está no seu punto máis baixo. Esta é a coñecida crise dos 50. A medida que se segue avanzando, a nosa felicidade volve a sufrir un aumento durante a vellez. Esta curva non varía. Sempre ten forma de “U”, independentemente do sexo, nivel de educación, estado civil ou ingresos económicos.

Esta “crise” sempre se relacionou cos cambios físicos, biolóxicos e psíquicos que trae consigo o envellecemento. Normalmente a persoa reflexiona sobre o que conseguiu ata o momento e sinte que moitas das expectativas que tiña nos seus tempos mozos non se cumpriron. Hai persoas que con esta crise fan cambios en aspectos claves da súa vida: préstanlle máis atención á aparencia física, aumentan o consumo de artículos caros ou estraños (coches, xoias, roupa, aparatos electrónicos), fan cambios na súa vida amorosa ou matrimonial …


Recentes estudos desmantelan o dito sobre esta fase da vida. Non é só debida ós factores socioeconómicos explicados anteriormente, senón que tamén inflúen factores biolóxicos que compartimos con outras especies.
Unha investigación realizada con 336 chimpancés e 172 orangutáns, os nosos parentes máis próximos, demostra que estes simios tamén padecen este cambio no seu nivel de benestar psicolóxico. Este gran número de primates foi obtido de máis de cincuenta zoos, dous centros de investigación e reservas de Estados Unidos, Australia, Singapur e Xapón. Para a investigación foron recrutados primates de todas as idades. Como estes non poden expresar a súa felicidade coa palabra, preguntóuselle ós seus coidadores que cambios notaban no seu comportamento e na súa forma de relacionarse.

Nos chimpancés o punto máis baixo do seu benestar está sobre os 28 anos , pero tendo en conta que a súa esperanza de vida está arredor dos 60, tamén sofren esta baixada de felicidade no ecuador da súa vida. Nos orangutáns as cifras son similares.

Esta investigación só determina que esta crise ten tamén un factor biolóxico, pero non establece cal é ese factor. Alexander Weiss, psicólogo da Universidade de Edimburgo e primeiro autor da investigación, aclara que é demasiado pronto para tomar calquera hipótese por correcta e que serán necesarios máis estudos para comprender mellor a nosa felicidade.


Enlaces:

Antía Quintana Gallego
1º BACH A

Nominados a "Persoas do ano".


Cada ano, a revista TIME outorga o premio á “persoa do ano”. Este premio pode recibilo unha persoa, grupo, idea, cousa, lugar ou máquina que para ben ou para mal inflúa nos eventos do ano. Este ano temos a dous nominados representando á ciencia: o bosón de Higgs e o Curiosity.


O bosón de Higgs foi nominado porque sen el non seriamos máis ca “enerxía incompleta” e o robot Curiosity porque é o “mellor automóbil” do Sistema Solar. Na descrición da revista destes candidatos fálase con humor, pero sen esquecer o importantes que foron neste ano 2012.


Outros nominados son Felix Baumgartner; o reelecto presidente Obama e o seu rival Romney; Malala Yousafzai, a nena paquistaní que foi tiroteada polos talibáns por defender a educación feminina; o ditador norcoreano Kim Yong Un, por ser a persoa máis antipática do ano; os inmigrantes indocumentados de EE.UU; o alcalde de Nova York; PSY, cantante do famoso Gangam Style…

Na páxina web da revista pódese votar polo teu candidato favorito a este curioso premio. Na lista de resultados, o Curiosity vai no 5º posto e o bosón de Higgs no 10º. Esperemos que deixen en boa posición á ciencia, xa que este ano presenciamos descubrimentos moi importantes que non só serán importantes este ano, senón que transcenderán en posteriores investigacións científicas.

Enlaces:
http://www.lavanguardia.com/ciencia/20121127/54355712452/el-curiosity-y-boson-de-higgs-candidatos-a-persona-del-ano-de-time.html
http://www.time.com/time/specials/packages/article/0,28804,2128881_2129111,00.html
http://www.time.com/time/specials/packages/article/0,28804,2128881_2128882_2129215,00.html
http://www.time.com/time/specials/packages/article/0,28804,2128881_2128882_2129214,00.html

Antía Quintana Gallego
1º BACH A