sábado, 14 de junio de 2014

As sentinelas do cambio climático

A capa de xeo da Antártida Occidental contráese de xeito irreversible... pero o mar de xeo do Ártico aumenta sorprendentemente no verán de 2013. A temperatura da superficie do mar mantense estable durante unha década... aínda que hai indicios de que a calor se está a concentrar nas profundidades. Os científicos advirten que hai que dar por resolto o debate e pasar á acción, pero rara é a semana que dous ou máis noticias contraditorias sobre o cambio climático saltan a grandes titulares e volven alimentar o escepticismo na opinión pública e na clase política.
A Axencia Espacial Europea (ESA) intentou terzar onte na polémica cunha nova visión do cambio climático: a ofrecida pola frota de satélites Sentinel. Dende o seu miradoiro a 700 quilómetros en órbita, as «sentinelas» vixiarán a perpetuidade a capa de xeo nos polos, a suba do nivel do mar ou a concentración de gases invernadoiro na atmosfera.
Sentinel 1, lanzado o pasado mes de abril, ofreceu xa unhas poderosas imaxes das inundacións en Namibia e do glaciar das illas dos Piñeiros, que perdeu unha 32 quilómetros cúbicos de xeo en menos dunha década. A nova xeración de satélites, segundo a ESA, servirá non xa só para ofrecer datos que avalen o cambio climático, senón para previr secas e inundacións, responder aos desastres naturais ou avaliar o impacto do cambio de usos na terra.
Christopher Merchant, da Universidade de Reading falou do «quentamento dos mares». Malia recoñecer que a temperatura global na superficie mariña se mantivo estable na última década,Merchant destacou como os océanos poden estar a almacenar a calor nas augas intermedias, o que pode disparar o aumento do nivel do mar a medio prazo.
Outro satélite da ESA, CryoSat, deseñado especificamente para monitorizar as rexións xeadas da Terra, certificou en outubro pasado o sorprendente aumento nun ano dun 50% na capa de xeo do Ártico, ata chegar aos 9.000 quilómetros cúbicos. Andrew Shepherd, da Universidade de Leeds, recoñeceu que a «boa noticia» non reflicte de momento un cambio na tendencia a longo prazo, sobre todo tendo en conta que o «mar de xeo» do Ártico contaba con 20.000 quilómetros cúbicos nos anos 80.
Mark Walport, un dos maiores asesores científicos do Goberno de David Cameron, fixo pola súa banda onte unha chamada á clase científica para deixar atrás o debate sobre o quentamento do planeta e pasar directamente a avaliar o impacto e as solucións. «O cambio climático está a suceder e os humanos estamos a contribuír dun modo significativo», dixo Walport. «Os científicos deberían estar xa a falar claramente das opcións. O debate debe moverse do que imos facer ao como o imos facer», asegurou.

FONTES: http://www.elmundo.es/ciencia/2014/06/14/539b34d3268e3e46408b4588.html