jueves, 24 de noviembre de 2011

Os astrónomos reconstrúen a historia dun burato negro.

Tres equipos de astrónomos lograron determinar a masa, a rotación e a distancia á Terra dun burato negro especialmente famoso, Cygnus X-1, e con eses parámetros reconstruíron a súa historia. O obxectivo ten case 14,8 veces a masa do Sol, xira 800 veces por segundo e está a 6.070 anos luz de aquí. Foi identificado como candidato a burato negro hai case catro décadas, pero entón o grande especialista Stephen Hawking non estaba convencido e, en 1974, apostou cun amigo, o físico teórico estadounidense Kip Thorne, a que non se trataba de tal obxecto. Perdeu. En 1990, cando xa se fixeron máis observacións de Cygnus X-1, o físico británico aceptou a derrota. Foi unha das varias apostas que Hawking e Thorne fixeron sobre cuestións científicas.


Unha vez aceptado como tal, o obxecto non perdeu interese, ao contrario. Cygnus X-1 é un burato negro estelar, é dicir, que se formou polo colapso dunha estrela masiva, e forma un sistema dobre con outro astro. Agora, os tres grupos de astrónomos, que traballaron con telescopios en terra e no espazo, presentan as súas conclusións complementarias en tres artigos publicados en The Astrophysical Journal. O horizonte de sucesos (a fronteira de non retorno da materia que cae nun burato negro) xira neste máis de 800 veces por segundo, moi preto do máximo calculado.

Outro dato importante é a idade: ten uns seis millóns de anos, segundo estudos da estrela compañeira e modelos teóricos. Polo tanto, é relativamente novo en termos astrnómicos, e non tivo moito tempo para tragar suficiente materia do seu ámbito como para acelerar a súa rotación, polo que Cygnus X-1 debeu nacer xa xirando moi rápido. Ademais, debeu fomarse practicamente coa mesma masa que ten agora, 14,8 veces a do Sol. O telescopio espacial de raios X Chandra, da NASA, foi clave nesta investigación.

Un terceiro equipo, grazas aos radiotelescopios sincronizados do sistema VLBA, logrou precisar a distancia de Cygnus X-1 (dato esencial para determinar a masa e a rotación), así como o desprazamento do obxecto no espazo. Resulta que o burato negro se move moi devagar respecto á Vía Láctea, o que significa que non recibiu impulso ao formarse. Este dato apoia a hipótese segundo a cal este obxecto non se formou nunha explosión de supernova (cando unha estrela supermasiva cosumiu todo o seu combustible), que tería dado ese impulso e levaría moita máis velocidade. Debeu ser un colapso estelar, pero sen explosión, o que deu orixe ao burato negro en cuestión. En canto á distancia, antes destas novas medidas que a fixaron en 6.070 anos luz, estimábase entre 5.800 e 7.800 anos luz, indican os expertos do National Radio Astronomy Observatory (que opera o VLBA).

Enlace: http://www.elpais.com/sociedad/ciencia/
Lucía Sánchez Corral 1ºD, nº30.

No hay comentarios: