O pasado martes 16 de novembro, a UNESCO nomeou á dieta mediterránea como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. España e o resto dos países da zona aplaudiron a noticia aínda que esta dieta xa non forma parte da súa alimentación diaria.
• En qué consiste a dieta mediterránea?
Caracterízase pola abundancia de alimentos vexetais, como pan, pasta, arroz, verduras, hortalizas, legumes, froitas e froitos secos; o uso de aceite de oliva como fonte principal de graxa; consumo moderado de pescado, marisco, aves de curral, produtos lácteos e ovos; pequenas cantidades de carnes vermellas e consumo diario de viño (durante as comidas).
• Estudos e traballos sobre a dieta mediterránea:
No 1958, Ancel Keys, médico de Minessotta (EEUU), mostrouse moi interesado en estudar a relación entre alimentación e mortalidade cardíaca; realizou entón o seu Estudio dos sete países e observou que, en Creta (Grecia), morrían menos persoas por cancro e por enfermidades cardiovasculares que noutras zonas do mundo. E preguntarédesvos: que comían os gregos en 1958? “Aceite de oliva, froitos secos, pescados, froitas, vexetais, legumes e un pouco viño”, aclara Xavier Pi-Sunyer, copresidente do Centro de Investigación de Nutrición e Obesidade de Nova York, e engade: “A dieta é boa, pero moita xente non a segue”.
A partir do estudo de Keys, levouse a cabo unha investigación publicada esta semana na revista Public Health Nutrition co nome A dieta mediterránea en España: tendencias de seguimento durante as últimas dous décadas, na que se cuestiona se os habitantes de España, xunto cos de Grecia, Italia e Marrocos, seguen comendo coma antes. Un grupo de investigadores da Universidade das Palmas dirixidos por Luis Serra fixeron un seguimento da adecuación a esta dieta ó longo de 20 anos (1987-2007) e concluíron que á medida que pasa o tempo a alimentación das persoas alónxase máis dos principios da dieta mediterránea.
No 2009, publicouse na revista mencionada un traballo que comparaba o seguimento da dieta mediterránea en 41 países en dous períodos separados por 40 anos (1961-1965 e 2000-2003) demostrou que todos a seguían menos e que os países mediterráneos europeos eran os que máis se distanciaran do patrón. O país que máis conseguira achegarse á dieta entre estes dous períodos é Irán. Serra explicou que o cambio nutricional é debido, en moitos casos, á industrialización. Ademais, atribúelle ó turismo parte deste cambio, xa que os restaurantes da costa fan comidas máis rápidas para poder alimentar ós viaxeiros, como luras fritas, bistés con patacas ou paella. Aínda que hai alimentos que se adaptan a este modelo de “comida rápida” e non se saen da dieta mediterránea, como as ensaladas, cremas de verduras ou mesmo un bocadillo de tomate.
Actualmente, estase a levar a cabo o maior estudo sobre o efecto da dieta mediterránea, o PREMIED. Con este traballo preténdese demostrar os efectos deste tipo de alimentación en máis de 7000 individuos divididos entre os que seguen unha dieta baixa en graxas e os que seguen os principios da dieta mediterránea. Jordi Salas-Salvadó, da Unidade de Nutrición da Universidade Rovira I Virgili, en Tarragona, participa neste estudo e declarou que cando só levaban tres meses, 700 participantes xa experimentaran un aumento do chamado colesterol bo (HDL) e unha reducción do malo (LDL). En 2008 demostrouse que os que seguían a dieta mediterránea tamén mostraban menos obesidade abdominal.
A revista Diabetes Care afirma que esta clase de alimentación diminúe o risco de diabete.
Os expertos confían en que, despois da designación da UNESCO, recuperarase a dieta mediterránea nos países nos que naceu.
Para máis información:
http://www.publico.es/ciencias/347633/premio-a-una-dieta-en-extincion
http://fdmed.org/dieta-mediterranea/que-es-la-dieta-mediterranea
Para máis información:
http://www.publico.es/ciencias/347633/premio-a-una-dieta-en-extincion
http://fdmed.org/dieta-mediterranea/que-es-la-dieta-mediterranea
Editado por Natalia Cid, 1º Bacharelato B
No hay comentarios:
Publicar un comentario