domingo, 16 de enero de 2011

Arsénico vs.Fósforo. Un dos debates máis controvertidos da ciencia actual e, probablemente, unha das maiores axitacións biolóxicas da historia.




Este complemento á miña noticia debería habelo subido xa fai algunhas semanas; pido sinceiras disculpas a todos os bloggeros e á nosa profesora por tardar tanto. Aínda así, paréceme imprecindíble volver sobre ela para ampliar algúns datos sucedidos despois da súa publicación.

O primeiro que vos pediría e volvérades a ler o meu post sobre esta bacteria revolucionaria. Se recordades fai un mes e medio aproximadamente informeivos de que se acababa de lanzar un auténtico bombazo no mundo bioquímico. Descubrírase unha nova bacteria que era capaz de substituír o fósforo, considerado elemento esencial para que exista vida, por arsénico no seu ADN e vivir con absoluta normalidade. Todo un achado que realmente pode cambiar os principios e bases científicas da vida de pés a cabeza, abrindo as portas a novas hipóteses sobre a súa orixe e a outras formas de vida plausibles no universo.

A investigadora que lideraba o estudo da NASA sobre esta bacteria, Felise Wolfe Simons, demostroulle á revista Science que o seu traballo era correcto, e que tiña probas de que outras formas de vida eran posíbles, así as súas conclusións foron dadas por válidas ao publicarse o traballo o 2 de decembro. Esta noticia tan revolucionaria desatou polémica e a crítica dalgúns membros da comunidade científica. Uns calificaron o estudo de precipitado, outros recoñecían a opción de que puidese vivir en arsénico pero que non demostrara que dependían del, e outros afirman que as mostras de ADN estaban contaminadas e que contaban con suficiente fósforo residual como para vivir.

Moitos científicos, entre eles algúns moi famosos e importantes, publicaron nos seus blogs e noutros medios o seu desacordo. Algúns mandaronlle cartas formais á revista Science onde se esforzaban por probar a falsedade do estudo da NASA.

Os autores da descuberta confiaban no seu traballo e negaronse, en principio, a contestar aos comentarios dos detractores. Crían na calidade e na veracidade das probas que subministraron, así como na competencia dos científicos independentes que revisaron tódolos datos e detalles do estudo de arriba a abaixo. Pero os científicos incredulos, como por exemplo Rosie Redfield, unha destacada microbióloga, calificou ó estudo de FRAUDE e asegurou que a doutora Wolfe Simon e os seus colaboradores eran “malos científicos”. Chegaron ao extremo de criticar aos propios revisores da revista e de afirmar que en breves se retiraría.

Exemplos de diverxencias nas opinións:

- "Agás que falseen os datos, o traballo paréceme convincente"
Ricardo Amils, investigador da Universidade Autónoma de Madrid e do Centro de Astrobiología, colaborador da NASA e experto nas bacterias de Río Tinto (Huelva), un ecosistema similar ao de Marte.

- "Retirarán o traballo en dous meses"
Francisco Rodríguez-Valera, catedrático de microbiología da Universidade Miguel Hernández (UMH) e experto en bacterias de zonas salinas como o lago Mono.

- "O máis grave é que haxa un revisor en Science que pasou este artigo"
Pepa Antón, outra microbióloga da UMH, tamén ten dúbidas: "Presentan datos contundentes, pero seguramente terán que repetir o estudo".

Un editorial, pouco corrente, da revista Nature, principal rival da revista Science, atacaba e censuraba o silencio e o mutismo dos autores do estudo, comentando: "Os científicos teñen que cambiar os seus esquemas mentais para responder as plémicas que xurden en Internet... A tradicional revisión por pares dun traballo antes da súa publicación non é xa a única forma de obter a verdade en caso de opinións dispares". "Unha resposta rápida, aínda que provisional, por parte dos autores ás críticas sería unha reacción mellor, opina a revista. A xenuína realidade é que o debate está e segue máis vivo que nunca en Internet, e que o revoo e axitación aumentan a pasos axigantados. Os días 16 e 23 de decembro saen á luz novos comentarios nos medios de comunicación. Foi entón cando Felisa Wolfe Simon, en nome do seu equipo, decide romper o silencio dicindo que outorgará máis información sobre os experimentos e que permitirá o acceso doutros científicos ás súas probas. Ademais proporcionou como anexo, os métodos de purificación do ADN cheo de arsénico e reafírmase unha vez máis na veracidade do seu estudo. A científica asegurou que todo o traballo sería revisado e que as conclusións serían expostas na seguinte edición da revista Science. Ao final cabe esperar que a veracidade científica se a que gañe, pero ata entón os emisores do bombazo científico terán que soportar e apandar coa suma velocidade de propagación das críticas cibernéticas dos seus detractores.

E vós, que opinades ó respecto? E se todo o establecido ata o momento no campo da bioquímica e da orixe da vida, de súpeto, se vén abaixo? Tamén vós podedes participar neste arduo debate universal. Aquí tedes a palabra!



Eva Rodríguez Casas-1ºBacharelato B.








Para máis información podédevos dirixir ás seguintes páxinas:

http://www.publico.es/ciencias/350929/guerra-abierta-por-la-bacteria-alternativa









No hay comentarios: