sábado, 2 de abril de 2011

Os primeiros americanos


Paz María Caballero Barreiro (Master para o Profesorado de Secundaria) contesteume a unha dúbida (eu son Isabel), paraceume interesante o que me puxo, así que decidín subila como entrada para que todos a poidades ler.No referente á orixe dos poboadores de América sobre a que preguntas, hoxe en día se admite de forma xeneral que os Amerindios e os Esquimais Aleutianos proceden de poboacións do este asiático que se expandiron polo continente americano a través do estreito de Behring. Isto foi posible porque un descenso do nivel do Mar de Behring durante o Pleistoceno deixou ao descuberto unha lingua de terra firme duns 1000 Km de anchura a modo de ponte entre os dous continentes. Este fenómeno produciuse dúas veces, a primeira hai uns 50.000 ou 40.000 anos, e a segunda entre hai 27.000 e 8.000 anos; malia todo, os restos atopados en América, parecen indicar que as persoas só pasaron dun lado ao outro durante o segundo período.
En Alaska e Canadá non hai restos óseos (debido aos xeos permanentes e a humidade), pero si vestixios culturais. As condición eran duras para eses primeiros emigrantes asiáticos (estaban en plena glaciación de Würm), polo que isto lles obrigaría a un desprazamento cára rexións máis ao sur, con clima más benigno. Isto pode comprobarse porque a datación dos restos atopados, tanto óseos coma instrumentos, son máis recentes cada vez máis ao sur do continente (uns 14.000 anos no norte e 10.000-8.000 polo actual Brasil). Inda que se supoñía que ese avance fora rápido, as últimas achegas indican que foi máis lento do que se cría. Estes grupos humanos foron desprazándose seguindo a costa e só máis tarde se lanzaron terra adentro (tamén se ven diferenzas de datación dende o este ao oeste do continente, dentro da mesma latitude).

A partir destas poboación xurdirían os distintos grupo poboacionais amerindios actuais. De feito, se observas os rasgos dos indíxenas americanos actuais, son moi semellantes aos mongoloides. Esta orixe tamén se confirmou con estudos paleoantropolóxicos, con estudo tanto das similitudes culturais como a análise dos distintos polimorfismos xenéticos, que revelaron a existencia de marcadores comúns entre mongoloides e amerindios.
Existe outra hipótese, proposta en 1998 por dous profesores da Universidade de Exeter, de que humanos das actuais Francia e España, en concreto da cultura solutrense (á que pertencían os habitantes de Altamira!), puideron dar lugar a parte dos primeiros grupos americanos. Explícome; estudos xenéticos con ADN mitocondrial realizados con amerindios demostraron que, ademáis dos catro haplogrupos establecidos, había outro novo. O curioso é que esa mutación no ADNmit atopada é característica de franceses e españois. Isto atopouse en grupos do noroeste de EE.UU, algúns de Sudamérica e, principalmente (nun 25%), nos indios algonquinos.


Hai unha hipótese de que, así coma os mongoloides atravesaron o estreito de Behring, cazadores europeos, na busca de mamíferos mariños (mamuts, bisontes) chegaran a Alaska dende Siberia. Groelandia está a 1.500 millas de Francia; algúns opinan que se eses grupos europeos navegasen en curva de norte a noroeste, chegarían ás costas árticas. No ano 2000, dous ex marines noruegos, andando sen apoio e soporte, atravesaron toda a costa ártica oceánica dende Siberia ata Canadá en 109 días, o que indicaba que si que existía a posibilidade.

As pegas a esta hipótese son varias; por un lado, a grande separación xeográfica e temporal das dúas culturas fai raro unha conexión directa probable. Ademáis, coa tecnoloxía da época e a inexistencia de restos de barcos ou similares en excavacións de asentamentos desa cultura (estudouse algún en Cantabria) non mostran evidencias de explotación de recursos mariños. De ser certo o contacto, aínda que hai similitudes entre certos grupos das diferentes culturas, non hai manifestacións artísticas solutrenses en América (como pintar covas como a de Altamira ou a de Lascaux). Outros expertos afirman que, malia que a caza de mamíferos puido ter importancia en certos contextos, as descricións paleoambientais do momento (a Idade de Xeo) farían imposibles eses desprazamentos dende Europa cára América.
Subido por Isabel (1º Bacharelato B) recibido de Paz María Caballero Barreiro (Master para o Profesorado de Secundaria)

No hay comentarios: