lunes, 4 de abril de 2011

Seleccionados para o I Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino de Ourense sobre cambio climático


O cambio climático é hoxe o maior reto ao que se enfronta a nosa sociedade, e os seus efectos xa están confirmando a máis dura das previsións tanto a nivel global como local. En Galicia xa se poden constatar os seus efectos a través do cambio nos réximes de precipitación e xeadas, aumento da frecuencia de valores extremos na temperatura, períodos de seca, etc. En todos eles, a provincia de Ourense maniféstase como especialmente sensible.
O I Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino de Ourense “O Cambio Climático dende a escola” quere converterse nun lugar de encontro e escaparate daquelas experiencias que xa están en marcha nos centros escolares da provincia ou daqueloutras que poidan xurdir neste curso e que teñan como eixo central a educación e sensibilización sobre cambio climático dende calquera das súas múltiples ópticas: sustentabilidade nos centros educativos, enerxía e aforro enerxético, consumo, auga, bosques, etc...
Este congreso terá como relatores aos verdadeiros protagonistas das iniciativas seleccionadas, o alumnado, que as desenvolverá coordinado polo seu profesorado. Terán así a oportunidade de compartir a súa experiencia contada por eles mesmos, que quedará despois recollida nunha publicación en formato electrónico.
Para apoiar o traballo do profesorado e alumnado comprometido con estes proxectos, o CEIDA e a Deputación de Ourense proporcionarán asesoramento técnico aos centros que o soliciten, amais que poderán solicitar unha axuda económica para o desenvolvemento dos traballos de ata 500 € máximo.
O Congreso celebrarase o 9 de xuño de 2011 no Edificio Simeón da Deputación.

No hay comentarios: