sábado, 4 de junio de 2011

As augas da Antártida estanse quentando

As augas profundas no mar de Weddell, na Antártida, estanse a quentar, informan os estudos realizados alí a bordo do Polarstern, nunha campaña de sete meses na que participaron 200 investigadores de institucións de 15 países. O investigador Eberhard Fahrbach resalta que nos últimos 26 anos se rexistrou un quentamento medio en toda a columna de auga no mar de Weddell de seis centésimas de grao. "Pode parecer un aumento de temperatura pequeno, pero como se estende ata augas moi profundas, supón un volume considerable de calor acumulada no océano", explica.
Estas investigacións, inscríbense nos programas internacionais de observación deseñados para alcanzar unha maior comprensión do impacto dos mares máis no cambio climático a grande escala. "Segundo o IPCC (como falamos onte en clase), máis do 80% da calor adicional absorbido pola Terra ata agora debido ao aumento das concentracións de gases de efecto invernadoiro está acumulado na capa superior do océano, agora podemos demostrar que o océano profundo, tamén está implicado neste proceso", engade Fahrbach.
Tamén se realizaron investigacións biolóxicas, para ver se cambiou a composición das especies no fondo mariño. O proceso de fusión de xeo e achega de auga doce ao océano continúa, alterando notablemente as condicións de vida dos organismos. Os científicos observaron unha ocupación moi lenta dos ecosistemas das zonas alteradas. Os organismos das augas antárticas están adaptados a vivir en condicións de moi baixas temperaturas pero tamén moi constantes, e agora as condicións están a cambiar rapidamente, informa o
AWI.

Que é o Polarstern?
É buque científico, considerado unha referencia mundial. Dende que, en 1982, empezou a navegar, o Polarstern realizou máis de 50 expedicións na Antártida e no Ártico. Mide 118 metros de eslora e 25 de manga, e está dotado de instrumentación e laboratorios para realizar investigacións de bioloxía, xeoloxía, química, glacioloxía, xeofísica, oceanografía e meteoroloxía. Navega cada ano case 310 días e normalmente está de novembro a marco na Antártida, mentres que durante o verán setentrional navega polo Ártico. Tras as operacións de mantemento rutineiras na súa base de Bremenhaven, o buque zarpará de novo o próximo 15 de xuño.


 Feito por María Isabel Limia Pérez Fontes

Invítovos a ver, unhas imaxes preciosas feitas nesta expedición polos científicos do Polarstern, sobre o paisaxe e of fondos mariños da Antártida.

No hay comentarios: