domingo, 13 de enero de 2013

Novas esperanzas de vida en Marte


Un meteorito de 2.100 millóns de anos procedente de Marte atopado no Sáhara no 2011 supón, segundo os científicos, un paso máis cara o descubrimento, e posterior investigación, de vida en Marte. O fragmento, chamado Northwest Africa (NWA) 7034, de 0’7 libras (198’45 gramos aproximadamente) contén máis auga que calquera outro meteorito marciano. Os científicos están usando esta auga para medir as condicións do planeta nesa época. Estes novos avances foron publicados na revista online de Science o pasado 4 de xaneiro.

Todos os meteoritos marcianos clasifícanse en tres grupos: Shergotty, Nakhla e Chassigny. Este meteorito non pertence a ningún destes grupos, polo que terá a súa propia clasificación.
O meteorito contén carbón orgánico, característica común cos demais meteoritos que veñen de Marte. A única diferenza é que este novo fragmento é 10 veces máis antigo que calquera dos descubertos anteriormente. Provén da época xeolóxica de Marte máis recente, chamada Siderikiana (amazoniana). O NWA 7034 componse de fragmentos cementados de basalto (rocha que se forma a partir de lava arrefriada rapidamente). Esta composición é común en mostras lunares, pero non en meteoritos marcianos.

O doutor Carl B. Agee, astrónomo da Universidade de Novo México e xefe da investigación, matiza que o meteorito parece proceder dunha explosión volcánica. Tamén aclara que a auga que contén pode ter a súa orixe en augas subterráneas ou en augas superficiais próximas ó lugar da explosión. “A mostra pode darnos unha idea de cómo era a actividade volcánica daquela, polo que tamén nos informa das características da superficie de Marte naquel tempo” dixo o doutor Agee, engadindo que a abundancia de auga “suxire que hai posibilidades de que puidera existir vida en Marte hai 2.1 millóns de anos”.
Segundo Andrew Steele, da Institución Carnegie e un dos coautores do estudo, “trátase do meteorito marciano máis rico xeoquimicamente xamais encontrado e as análises que se realizaron van revelar probablemente outras sorpresas”.

Ata a data, encontráronse un centenar de meteoritos marcianos. En 2012 rexistráronse máis de 42.000 meteoritos. O número aumenta arredor de 1.500 cada ano, segundo os datos da Meteoritical Society.



Fontes de información:
New York Times
La Voz de Galicia
ABC

Antía Quintana Gallego, 1º BACH A

No hay comentarios: