En clases de CMC estudamos a orixe da vida, como recordaredes había varias hipótese, entre elas a panspermia, é dicir a idea de que os asteroides puideron traer a vida á Terra e que foi amplamente debatida durante anos pola comunidade científica, sen embargo esta cada vez cobra máis forza. Unha nova investigación realizada polos científicos do Goddard Space Flight Center da NASA apunta que unha ampla gama de asteroides, máis dos que se cría, son capaces de conter os aminoácidos fundamentais que sustentan a vida na Terra. Como dimos en Bioloxía, os aminoácidos son os monómeros das proteínas, e coas proteínas créanse estruturas vitais como o pelo ou as uñas, e son os biocatalizadores do corpo, é dicir, fan posibles as reaccións químicas do noso metabolismo. Os aminoácidos teñen dúas variedades, na Terra só existe o «tipo zurdo», unha elección que os investigadores estudan, xa que se descoñece o motivo desta preferencia e por que se rexeitou o «destro».
Os investigadores do centro Goddard en Greenbelt, Maryland, descubriron un exceso da forma zurda do aminoácido isovalina en mostras de meteoritos que proviñan de asteroides ricos en carbono. Os expertos cren que este tipo de vida puido ter o seu inicio no espazo, onde as condicións parecen ser favorables. Os impactos dos meteoritos poderían ter traído á Terra este material.
Un elemento fundamental para a vida tal e como a coñecemos hoxe en día é a auga e así di Daniel Glavin, do centro Goddard e autor principal da investigación, "a auga líquida nos asteroides parece ser a clave, aínda que tampouco podemos descartar a radiación". É posible que a radiación encontrada polo noso Sistema Solar na súa xuventude favorecese o crecemento dos aminoácidos zurdos, ou que os destros fosen máis débiles e máis propensos a ser destruídos. Glavin cre que, noutros sistemas solares, quizais as bases da vida poden ser as contrarias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario