miércoles, 13 de febrero de 2013

Fin da discusión: Un meteorito acabou cos dinosauros


Unha agrupación de científicos de varias universidades acaban de publicar na revista Science, un estudo que vai deixar resolta a polémica aberta dende fai máis de tres décadas sobre a desaparición dos dinosauros: a extinción destes animais coincidiu no tempo co impacto dun gran meteorito contra a Terra.

A primeira hipótese sobre a desaparición dos dinosauros remóntase a 1980, cando Luís Álvarez, de orixe español, xa falecido Premio Nobel en Física, e o seu fillo Walter, da Universidade de Berkeley atoparon que, nos estratos xeolóxicos de varias rexións do mundo que marcan o límite xeolóxico K-T (Cretácico e Terciario), había unha capa fina de iridio que só se atopa en determinadas clases de meteoritos e concluíron que un enorme asteroide tivo que impactar contra a Terra. Esta conclusión foi apoiada máis tarde, cando nunhas prospeccións petrolíferas en Yucatán (Golfo de México), descubriron un cráter submarino de 180 km de diámetro aproximadamente, datado de fai 65 millóns de anos, que sería o candidato perfecto para ser o responsable da capa de iridio que envolveu ó planeta.
Tras este achado comezou o debate para comprobar se o impacto do meteorito e a extinción dos dinosauros coincidían no tempo.
En 1993, outro equipo de Berkeley, fixo unha primeira aproximación de que ambas datas coincidían, pero segundo revisións actuais daquelas datacións, a extinción dos dinosauros producírase 180.000 anos antes que a caída do meteorito.
Recentemente, o equipo de investigadores do Centro Xeocronolóxico de Berkeley (BGC) da Universidade de California, ó mando de P. Renne, xunto con científicos de Holanda e Reino Unido, determinaron cunha exactitude sen precedentes a data do impacto do meteorito: 66.038.000 anos, que é a mesma dentro dos límites de error que a data da extinción, polo que se entende que ambos acontecementos foron simultáneos.


Empregando a técnica de datación argón-argón, dataron con gran exactitude unha serie de tectitas (pequenas esferas cristalinas formadas nos impactos) achadas en Haití. Logo dataron as cinzas volcánicas de Hell Creek (Montana), un lugar moi rico en fósiles de dinosauros. Só 11.000 anos diferenciaban ambas datacións. A sincronización de ambas  datas, a de colisión e a de extinción,  fainos concluír que un gran asteroide tivo un papel moi importante na desaparición dos dinosauros. Pero sinalan que non foi a única causa. Unha variación esaxerada no clima durante os últimos millóns de anos, con tempo largo e frío en medio dun ambiente de invernadoiro, puido iniciar a extinción desta especie, que acabaría rematada co impacto do meteorito.


FONTES DE INFORMACIÓN

1 comentario:

Carmen Cid Manzano dijo...

A caida hoxe dun pequeno meteorito en Rusia e que causou centos de feridos, pode darnos unha idea da gravidade do choque do meteorito de fai máis 65 m.a.