sábado, 8 de junio de 2013

Os nove sinais ocultos do avellentamento

Dende que fai tres décadas se descubriu en vermes que vivir o dobre de tempo dependía só de 9 xenes, iniciouse a era dourada da ciencia do avellentamento en humanos: postuláronse máis de 300 teorías e publicáronse arredor de 250.000 artigos científicos sobre o tema, que aportaron moitos resultados, pero tamén moita confusión.
Agora un equipo científico liderado por investigadores españois (María Blasco e Manuel Serrano do CNIO (Centro Nacional de Investigación Oncolóxica)) e Carlos López-Otín da Universidade de Oviedo) xunto con Guido Kroemer da Universidade de París Descartes e Linda Partridge do Instituto Max Planck (Alemaña), revisaron eses estudios sobre o avellentamento e publicaron as súas conclusións recopilatorias na revista Cell. Non se trata doutro traballo teórico, senón da recollida de evidencias moleculares e xenéticas sobre este tema que serán claves no camiño en investigacións futuras. O equipo di que non buscaron “o elixir da xuventude” senón dianas farmacolóxicas que melloren a saúde durante a vellez co fin de vivir máis tempo en boas condicións.
Un dos aspectos claves no estudio é que se proba a relación directa entre cáncer e avellentamento pois comparten unha orixe común, son dúas manifestacións do mesmo proceso. O avellentamento resulta da acumulación do dano no ADN ó longo da vida, e ese proceso tamén orixina enfermidades coma o cáncer, a diabetes ou alzhéimer.

O estudo publicado onte (The hallmarkers of Aging) define os nove indicadores moleculares do avellentamento, ordenándoos xerarquicamente en tres categorías:

1.-Danos primarios: son os causantes primarios do avellentamento.
·         Inestabilidade xenómica. Son os defectos que se van acumulando nos xenes co tempo, por causas intrínsecas ou extrínsecas. É o dano directo o noso ADN.
·         Acortamento dos telómeros. O acortamento dos capuchóns que protexen os extremos dos cromosomas.  Determinados hábitos de vida fan que se erosionen a unha  maior velocidade.
·         Alteracións epixenéticas. Enténdense por  epixenética a influencia do entorno na expresión dos xenes herdados. As alteracións son danos ás proteínas que se unen ó ADN que resultan da experiencia vital e da exposición ó  ambiente. Segundo  os investigadores, a lonxevidade normal, ata os 80 anos ten un compoñente xenético modesto (un  25% baseado en estudos de xemelgos separados) pero a extrema, ata 100 anos, ten un compoñente xenético maior.
·         Perda da proteostasis. A non eliminación de proteínas defectuosas supón que ó acumularse, causen patoloxías asociadas o avellentamento. No Alzhéimer, as neuronas morren porque se forman placas dunha proteína (beta-amiloide) que non se eliminou.

2.- Danos secundarios: son respostas do organismo ás causas desencadeantes do avellentamento, que tratan de corrixir os seus danos, pero que si se cronifican ou esaxeran, vólvense nocivas .
·         Senescencia celular. Induce á célula a deixar de dividirse cando acumula moitos defectos. Así prevén o cáncer, pero si se da en exceso os tecidos avellentan.
·         Dano oxidativo. Desequilibrio entre a produción de especies reactivas do osíxeno (ex. radicais libres) e a capacidade dun sistema biolóxico de detoxificar os reactivos intermedios ou reparar o dano. Os investigadores cren que non está fundamentado o uso dos antioxidantes para retardar o avellentamento.
·         Exceso de nutrientes. Mecanismos metabólicos (probados en ratos) que fan que se prolongue a vida ó diminuír a inxesta de calorías. Porén, os investigadores  cren que se ben é certo que a escaseza de nutrientes pon en marcha estratexias protectoras, co tempo e en exceso poden ser patolóxicas. 

3.-Danos terciarios: Este grupo de indicadores emerxen cando os danos causados polos dous anteriores non poden ser compensados.
·         Perda de células nai. Chega un momento en que as células nai dos tecidos esgótanse e deixan de exercer a súa función rexeneradora.
·         Perda de sinais positivas de comunicación entre tecidos. Aparecen erros na comunicación intercelular, que dan lugar, por exemplo, á inflamación, un proceso que cando ocorre de forma crónica asóciase co cáncer.

Seremos capaces de tomar “nota” de todos os factores externos que afectan a nosa vida xenética e molecular? Conseguirase aumentar a esperanza de vida en boas condicións de saúde? 

Fontes de información:


Iago Rodríguez Peña 1º BACH A

1 comentario:

Unknown dijo...

Post muy interesante sobre todo para os que nos gusta a Bioloxía.