sábado, 9 de marzo de 2013

SEGUE VENDENDO O ECOLÓXICO?

Hai unhas semanas as autoridades de Alemania destaparon unha fraude a gran escala no sector ecolóxico. Máis de 150 granxas comercializaban como biolóxicos ovos que non o eran. Non é que ás pitas se lles dese de comer alimentos non autorizados ou fármacos senón que non se criaban ao aire libre estando en gaiolas e hacinadas. A razón seguramente está en que os ovos biolóxicos son entre un 30% e un 70% máis caros ca os  outros. E moitos apúntanse á fraude.Pero un produto que se vende como ecolóxico ha de superar numerosos controis de organismos autorizados sendo os consellos reguladores, que dependen das autonomías, os que vixían que se cumpra coa legalidade: revisan as instalacións, as sementes, a terra, os produtos utilizados ou o entorno para saber se hai algunha fonte contaminante ou no caso das explotacións gandeiras que os animais estean en condicións óptimas e reciban só alimentos e tratamentos naturais. Pero polo visto todo é pouco. E seguen a venderse como ecolóxicos produtos que non o son.
En España tamén hai fraude pero ata o momento non máis ca no resto dos países. Sen embargo hai algo que chama moitísimo a atención e é que España é o maior produtor  ecolóxico de Europa pero está á cola en canto a consumo. Mentres que en Alemania o gasto medio por persoa e ano está en 70 €  e en Suiza en 150,  no noso país sitúase en 6.
Por que este desfase? A razón está na disponibilidade e na cultura de consumo. En calquera dos países citados podemos atopar este tipo de produto en calquera supermercado mentres que aquí atopámolos só en tendas especializadas ou en determinadas áreas comerciais. Son ademais moito máis caros, pero hai que ter en conta que se necesitan máis espacios ou unha alimentación especial no caso das producións gandeiras ou produtos agrícolas máis caros para non usar abonos orgánicos. Os rendementos son ademais inferiores, ata un 30% ,aos cultivos cun laboreo convencional. Tampouco hai moitas estruturas de distribución.
Resumindo; debemos invertir esta situación e aumentar os controis pero non só con respecto á seguridade alimentaria senón tamén con respecto á  información que se lle dá aos consumidores.






Brais Casas Fernández.

No hay comentarios: