sábado, 20 de abril de 2013

El té verde y el café parecen reducir el riesgo de derrame cerebral

Os resultados dunha investigación efectuada en Xapón apuntan a que o té verde e o café poden axudar a reducir os riscos de sufrir un derramo cerebral, especialmente cando ambos os dous son consumidos de forma regular. As persoas investigadas no estudo que beberon diariamente té verde ou café tiveron un risco aproximadamente dun 20 a un 30 por cento menor de sufrir un tipo de derramo cerebral, en comparación cos que consumiron esas bebidas con pouca frecuencia.

Este é o primeiro estudo a grande escala que examina xuntos os efectos do té verde e do café sobre o risco de sufrir derramos cerebrais.

O equipo do Dr. Yoshihiro Kokubo, do Centro Nacional Cerebral e Cardiovascular de Xapón, preguntou a 83.269 adultos xaponeses sobre os seus hábitos de consumo de té verde e café, e mantivo un seguimento desas persoas ao longo dunha media de 13 anos. O equipo encontrou que canto máis té verde ou café bebía a xente, menor era o seu risco de sufrir un derramo cerebral (accidentecerebrovascular ou ataque de apoplexía).

As persoas que bebían polo menos unha cunca de café ao día tiñan un 20 por cento menos de risco de derramo cerebral que os que raras veces bebían café.
As persoas que bebían de dous ou tres cuncas de té verde ao día tiñan un risco un 14 por cento menor de derramo cerebral e as que bebían polo menos catro cuncas tiñan un 20 por cento menos de risco, en comparación cos que raras veces bebían té
.

As persoas que bebían polo menos unha cunca de café ou dúas cuncas de té verde ao día tiñan un 32 por cento menos de risco de hemorraxia intracerebral, en comparación coas que raras veces consumían estas bebidas. (A hemorraxia intracerebral acontece cando un vaso sanguíneo se rompe e sangra dentro do cerebro. Arredor do 13 por cento dos derramos cerebrais son hemorráxicos.)

Os participantes no estudo tiñan entre 45 e 74 anos de idade, había practicamente a mesma cantidade de homes que de mulleres, e non padecían de cancro nin de enfermidades cardiovasculares.

Durante os 13 anos de seguimento, os investigadores revisaron os rexistros médicos hospitalarios e certificados de defunción dos participantes, recompilando datos sobre enfermidades cardíacas, derramos cerebrais e causas de morte. Tamén axustaron os seus resultados para ter en conta a idade, o sexo e factores do estilo de vida como o hábito de fumar, o consumo de alcohol, o peso, a dieta e a práctica de exercicios físicos.

O té e o café son as bebidas máis populares no mundo despois da auga, polo que os resultados desta investigación poderían en principio aplicarse á poboación doutros países.

Non está claro como o té verde inflúe sobre o risco de sufrir derramos cerebrais. Un grupo de compostos coñecido como catequinas podería proporcionar certa protección. As catequinas teñen un efecto antiinflamatorio e antioxidante, incrementando a capacidade antioxidante e os efectos antitrombogénicos do plasma.

O café contén ácido clorogénico, o cal reduce o risco de sufrir un derramo cerebral mediante a diminución das posibilidades de desenvolver diabete tipo 2.

Por suposto, como acontece con calquera produto, un consumo excesivo de café ou té é prexudicial para a saúde, de modo que ninguén debería comezar a beber cantidades inxentes de té ou café. Á parte, hai persoas con alerxias ou outros problemas de saúde aos cales poden non sentarlles ben estas bebidas.


Na investigación tamén traballaron Isao SaitoKazumasa Yamagishi,Hiroshi YatsuyaJunko IshiharaManami Inoue e Shoichiro Tsugane.


1 comentario:

Unknown dijo...

carolina, ponlle etiquetas ao teu post