domingo, 26 de mayo de 2013

A BIODIVERSIDADE ESPAÑOLA ESTÁ EN PERIGO

Un estudo realizado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) revela que España é o país europeo onde se concentra a maior porcentaxe de especies ameazadas de todo o continente. España contén arredor dunhas 85.000 especies de animais e plantas, o que supón o 54% do total das especies descritas en Europa e un pouco máis do 5% da biodiversidade mundial. Ademais, moitas delas son endémicas, é dicir, que tan só se atopan neste recuncho do planeta.

A pesar destas esperanzadoras cifras, moitas das especies están en perigo de extinción. O proxecto tomou como base a Lista Vermella Europea, un catálogo que recolle o grao de ameaza das especies europeas en perigo, e asegura que o 38% das especies presentes nesa lista se atopan en España. É a cifra máis alta do continente, seguida de Grecia (32%) e Portugal (22%). Máis concretamente, o estudo desvela que no noso país están ameazados o 19% dos mamíferos, o 24% dos réptiles, o 7% dos anfibios, o 37% dos peixes de auga doce, o 5% das bolboretas, o 8% das libélulas, o 6% dos escaravellos, o 26% dos moluscos terrestres, o 34% dos moluscos de auga doce e o 26% das plantas vasculares. A fragmentación e perda de hábitat, a sobre-explotación de acuíferos, a contaminación e a introdución de especies invasoras, son as principais ameazas ó noso patrimonio natural.

Estes datos resultan preocupantes, pero aínda o é máis que as políticas de biodiversidade estean practicamente abandonadas polas administracións estatais e autonómicas. “Ecologistas en Acción”, que organizou o pasado martes 21 en Madrid un debate para analizar a situación da biodiversidade, denuncia que as Comunidades Autónomas respaldan proxectos que, teoricamente, favorecen o crecemento económico pero en realidade o único que conseguen é traer graves consecuencias ambientais e sociais (como o de converter a Galicia nunha gran mina). Ademais, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente centra os seus esforzos en cambiar a normativa ambiental, ocasionando graves consecuencias de desprotección e desregulación (como o intento de modificar a Lei de Costas). As políticas de conservación empregadas ata agora son insuficientes para garantir a continuidade da nosa diversidade. Se se destinasen máis esforzos e recursos para a investigación e o desenvolvemento de políticas eficaces de xestión, esta conservación podería asegurarse.
Antía Quintana Gallego, 1º BACH A

2 comentarios:

Unknown dijo...

Antía gustoume moito o teu comentario. Poderías definir o concepto de Biodiversidade? Indica algunhas causas da perda de Biodiversidade en España.

Antía Quintana dijo...

O concepto biodiversidade refírese á gran variedade de seres vivos que habitan o noso planeta e os patróns naturais que a conforman.
A introducción de especies invasoras, a sobre-explotación dos acuíferos, a contaminación e a fragmentación e perda de hábitat son algunhas das causas da perda de biodiversidade en España.